Escolma de poesía galega sobre carpintería de ribeira e embarcacións tradicionais.
Ás veces as embarcacións semellan navegar sobre as ondas do verso, deixando atrás o ronsel dunha emoción, outras destaca o valor simbólico que o poeta lle confire, identificándoa coa vida, coa morte, ou co tránsito cara aos momentos transcendentes da existencia.
O título, Tamén navegar, fai referencia ao poema Penélope, de Xohana Torres, e quere reflectir que as embarcacións son para navegar e só no mar, e en uso, ten pleno sentido a súa conservación. Os poemas referidos á carpintería de ribeira, reúnense baixo a epígrafe “Labras na area” facendo alusión a que a praia foi o lugar de construción habitual das embarcacións. A segunda e máis extensa “O mar ese camiño”, lugar de encontro das embarcacións, invoca o último verso do poema Lingua proletaria do meu pobo, de Celso Emilio Ferreiro, que ten Galicia como referente: “deitada rente ó mar, ese camiño” aludindo a que é no mar onde as embarcacións teñen pleno sentido de ser.